viernes, 2 de enero de 2015

Remata a fase de doma e castración da antiga Astano, comezan agora as incertezas


O veto á construción naval civil na vella Astano remata o 31 de decembro, logo de perto de tres décadas de prohibicións, restricións e cambadelas. 
X. LORENZO

Aínda hoxe non existe un pronunciamento oficial por parte da dirección de Navantia nin tampouco do seu único accionista, a SEPI, arredor do novo escenario, mais si un recoñecemento ao comité intercentros, que leva meses reclamando a elaboración dun plano industrial que sitúe os obxectivos para unha factoría que pagou como ningunha outra industria do Estado, as consecuencias da entrada na Unión Europea e a incapacidade e falla de peso políticos dos dous partidos alternantes no Goberno central, o PSOE e o PP. 

En que situación afronta Navantia Fene a era “post-veto”? O secretario comarcal da CIG en Ferrolterra e membro do comité de empresa de Navantia Ferrol, Manel Grandal, apunta que as perspectivas do sector da construción naval civil son moi interesantes de cara aos próximos anos, non só, sinala, na fabricación de buques cada vez máis grandes para transportar o gas ou o petróleo, senón tamén para a propia actividade off-shore –coa construción de barcos complementaria para dar servizo ás propias plataformas- e mesmo a eólica mariña, área na que o estaleiro fenés realizará o seu primeiro encargo logo do veto.
“O problema”, di Grandal, “é que a empresa non estivo traballando para incorporarse con garantías a estes mercados”, nomeadamente, engade, “potenciando a área de I+D e formando o persoal”, tarefas que si se fixeron nos estaleiros públicos andaluces. “Alí creouse o Clúster do Naval liderado por Navantia e o papel da Junta é activo, a diferenza do que ocorre en Galiza”, lembra o portavoz da CIG. Nesa liña, explica que o encargo de Iberdrola a Navantia ten máis valor engadido na parte que desenvolverá Puerto Real –as subestacións-, do que en Fene, que montará os “jackets”, isto é, as estruturas que soportarán os aeroxeradores. “Alí”, resume, “farán un traballo máis sofisticado; aquí xuntaremos chapas, que está moi ben, pero que limita terribelmente o noso potencial”.

No hay comentarios: